Cee.-15/06/2011 Efectivos do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña con base no Parque de Bombeiros da Costa da Morte interviñeron como consecuencia dun incendio declarado nunha vivenda situada no lugar de Toba, no concello de Cee.
O Centro de Coordinación de Emerxencias 112-Galicia recibiu o aviso e deseguido se puxeron en marcha os bombeiros, os que, cando chegaron ó lugar do incidente, atopáronse con que saía gran cantidade de fume por unha ventá do inmoble. Os bombeiros accederon ó interior da vivenda a través da mesma, onde acharon unha persoa tumbada a carón da cociña, consciente pero aturdida pola gran cantidade de fume que alí había. O seu labor consistiu no rescate da vítima, trasladándoa ó exterior do edificio, onde se atopaba unha ambulancia do 061. A continuación comprobaron que non quedara ninguén dentro da vivenda e ventilárona.
Ata o lugar do incendio desprazáronse un cabo xefe de quenda, dous bombeiros e os vehículos autobomba urbana e nodriza. Ademais dos bombeiros, tamén participaron na intervención membros do GRUMIR de Cee, da Garda Civil de Muxía e persoal do 061. Unha vez rematado o servizo, recollidos os datos necesarios e o material empregado, regresaron á súa base, quedando de novo operativos.