Cerceda.-30/04/2011 Efectivos do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña con base no Parque de Bombeiros de Ordes interviñeron como consecuencia dun accidente de tráfico acontecido á altura da parroquia de Rodís, no termo municipal de Cerceda.
O Centro de Coordinación de Emerxencias 112-Galicia recibiu o aviso e deseguido se mobilizaron os bombeiros, os que, cando chegaron ó lugar do sinistro, atopáronse co vehículo fóra da estrada e cunha persoa atrapada no asento dianteiro do lado do acompañante. O seu labor consistiu en extraer á vítima e en limpar a estrada dos restos do accidente.
Ata o lugar desprazáronse un cabo xefe de quenda, catro bombeiros e un vehículo autobomba urbana. Ademais dos bombeiros, tamén participaron na intervención efectivos da Policía Local, da Garda Civil de Tráfico, Voluntarios de Protección Civil e persoal do GRUMIR. Unha vez rematado o servizo, regresaron á súa base, quedando de novo operativos.