Localización +34 981 758 117 registro@cciacoruna.gal
Estás en: Inicio > Novas > Rueda espera que o ano que ven estean funcionando os catro consorcios provinciais de Galicia

Rueda espera que o ano que ven estean funcionando os catro consorcios provinciais de Galicia

Rueda acudiu acompañado polo presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, a entregar un novo vehículo escaleira ao parque de Arteixo

Arteixo, 5 de maio de 2010.- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, acudiu esta mañá ao parque comarcal de bombeiros de Arteixo onde amosou o seu desexo de que o ano 2011 comece cos catro consorcios provinciais funcionando en Galicia. Rueda acudiu acompañado polo presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, a entregar un novo vehículo escaleira, moi demandado polos profesionais e empresarios do polígono da comarca para favorecer a loita contra o lume.

O conselleiro aproveitou a súa visita para recoñecer o traballo dos bombeiros e manifestar a aposta decidida da Xunta de Galicia por dotar de mellores medios aos parques comarcais de bombeiros. Estes parques, dixo, forman unha rede que ofrece un servizo profesional modélico en España, moi valorado polos cidadáns e que permite dar a mellor resposta ante as emerxencias.

Segundo expresou Rueda, o Consorcio Provincial de Bombeiros da Coruña é un exemplo de funcionamento coordinado, de aproveitamento de sinerxías e de colaboración entre institucións, unha das claves do modelo que se está a implantar en Galicia. Así o corroborou a presenza na visita do presidente da Deputación da Coruña e da alcaldesa de Arteixo, Pilar Souto, xunto ao director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Diego Calvo.

Modelo estendido a todas as provincias

Neste sentido, o titular de Presidencia lembrou que a súa Consellería traballa para estender ás outras tres provincias o sistema de consorcio provincial e que as negociacións están tan avanzadas que agardase que no 2011 os catro consorcios provinciais estean funcionando na nosa comunidade.

Ademais, desde a Xunta tamén se traballa para estender a rede de parques de bombeiros de Galicia, co obxectivo de ofrecer o mellor servizo profesional ante as emerxencias e dar aos cidadáns unha resposta inmediata, en menos de 20 minutos dende a incidencia, independentemente do lugar onde vivan.

Así, o conselleiro anunciou que este ano estarán rematados tres novos parques en Lugo -Barreiros, Chantada, e Sarria-,que se suman aos 18 que xa están funcionando en toda Galicia, e o vindeiro ano o obxectivo é ter tamén funcionando o de Carballiño e outros máis en Lugo, ademais de comarcalizar Monforte. O resultado destas actuacións será por en marcha un auténtico sistema eficaz e profesional de resposta ante as emerxencias por todo o territorio galego.

Este sistema, comentou Rueda, será cumplimentado cunha distribución máis racional dos Grupos Municipais de Intervención Rápida (Grumir), que complete a labor dos parques comarcais de bombeiros e que se está a debater nestes momentos coa Fegamp, para que tamén estea perfectamente operativo no ano 2011.


enviar a un amigo Enviar