Carballo.-13/04/2013 Efectivos do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña, con base no Parque de Bombeiros de Bergantiños, extinguiron un incendio nun colector de obra que estaba a arder na rúa Fomento, no Concello de Carballo.
O Centro de Coordinación de Emerxencias 112 Galicia recibiu o aviso e deseguido se mobilizaron os bombeiros, os que, cando chegaron ó lugar do sinistro atopáronse cun colector de obra que estaba cheo de madeira, sabas, mantas e colchóns. O único que estaba a arder era un colchón, sen haber vítimas. O seu labor consistiu en extinguir o lume e en vaciar o colector do seu contido, para arrefriar o material que había dentro do mesmo como medida preventiva.
Ata o lugar do sinistro desprazáronse un cabo xefe de quenda, dous bombeiros e o vehículo autobomba urbana. Ademais dos bombeiros, tamén colaboraron na intervención membros da Policía Local de Carballo e persoal do SMPC de Carballo. Unha vez rematado o servizo, recollidos os datos necesarios e o material empregado, regresaron á súa base, quedando de novo operativos.